A Estación Fitopatolóxica do Areeiro convértese en laboratorio de referencia tamén para Portugal

Pontevedra
04 de xullo 2022

O centro de investigación da Deputación de Pontevedra racha fronteiras e alertará sobre os patóxenos vexetais regulados pola Unión Europea en todo o territorio luso

Estación Fitopatolóxica do Areeiro
Estación Fitopatolóxica do Areeiro

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro convértese en laboratorio oficial de detección de pragas corentenais, é dicir, reguladas pola Unión Europea, en todo o territorio luso. Así queda establecido no convenio que a entidade provincial vén de asinar coa Direcão Geral de Alimentação e Veterinária do Goberno de Portugal.

O convenio entre a Deputación e o Goberno portugués terá vixencia ata finais deste ano, con posibilidade de sucesivas prórrogas. Deste xeito Areeiro asume a responsabilidade de detectar e certificar a entrada das pragas non presentes na Unión Europea e que obrigan a medidas específicas para a súa erradicación. 

Está previsto que de aquí ao remate do ano se realicen un total de 653 análises para a detección de diferentes organismos causantes das pragas corentenais. 

As primeiras mostras chegaron esta semana e proceden das cinco direccións rexionais de Agricultura e Pesca de Portugal. 

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro é un centro de referencia dedicado á investigación e ao diagnóstico en materia fitosanitaria forestal e agraria. Ao tempo traballa na introdución e conservación de especies froiteiras e ornamentais, así como na área de análise edafolóxica (do solo) de cara á mellora da fertilización. Nos seus laboratorios hai especialistas en entomoloxía, acaroloxía, nematoloxía, bacterioloxía, viroloxía e patoloxía.