A estratexia de mellora do espazo urbano de Marín continúa coas obras en Concepción Arenal

Marín
01 de marzo 2024

Esta obra de rehumanización dará continuidade ao proxecto que xa levou a cabo o Concello desde o linde con Estribela ata a rotonda das Anclas  

Obras de remodelación na rúa Concepción Arenal
Obras de remodelación na rúa Concepción Arenal / Concello de Marín

A estratexia de mellora da mobilidade urbana de Marín segue o seu curso tras a posta en marcha das obras na rúa Concepción Arenal.

Esta obra de rehumanización dará continuidade ao proxecto que xa levou a cabo o Concello desde o linde con Estribela ata a rotonda das Anclas.

Nesta ocasión, a actuación comezará desde esa rotonda ata a Rúa da Roda. No primeiro tramo, que vai ata a Cafetería da Mouta, eliminarán a liña de aparcadoiros que está na esquerda, en dirección Pontevedra, e ampliarán as beirarrúas para que o espazo para os peóns sexa o adecuado.

O estacionamento só se verá afectado nese tramo, xa que desde A Mouta ata a Rúa da Roda manteranse todos os estacionamentos, aínda que se reordenarán para que sexan todos en liña.

Unha vez finalicen todos os traballos, a avenida terá beirarrúas máis amplas, que se reforzarán con puntos de luz (especialmente nos pasos de peóns) e colocarán novas xardiñeiras, bancos, papeleiras e un pavimento renovado para o tráfico rodado.