A "exitosa participación" na Biciweek fai pensar xa en novas edicións

Pontevedra
22 de abril 2013

O Concello de Pontevedra considera que o éxito do Biciweek "demóstrano as cifras" pois máis de 1.200 persoas achegáronse ao CITA a ver a Mostra de bicicletas históricas nos dous días e medio que estivo aberta ao público

Imaxe de participantes na Ponte das Correntes
Imaxe de participantes na Ponte das Correntes / Juan Mejuto

A primeira edición da 'Biciweek' pechou este domingo cun "éxitoso balance de asistencia e participación" nas distintas actividades da programación que pretenden concienciar á cidadanía do uso da bicicleta como medio de transporte urbano e diario.

Así o consideran dende a concellaría que dirixe Miguel Filgueira, que "afianza a idea de darlle continuidade en vindeiras edicións".

Miguel Filgueira destacou este luns a participación da cidadanía en todas as actividades da pasada semana, o que amosa a sensibilidade dos pontevedreses polo uso da bicicleta como medio de transporte alternativo para desprazarse pola cidade, especialmente agora que acompaña o bo tempo.

O Concello de Pontevedra considera que o éxito do Biciweek "demóstrano as cifras" pois máis de 1.200 persoas achegáronse ao CITA a ver a Mostra de bicicletas históricas nos dous días e medio que estivo aberta ao público.

Na Pedalada organizada o domingo participaron arredor de 2.000 persoas, a máis numerosa dos últimos anos; e a Feira da bicicleta instalada da praza da Ferraría tamén superou as expectativas dos organizadores, cuns 8.000 visitantes nos dous días que estivo aberta.

A programación do Biciweek completarase este mes de maio coa programación Natureza sobre Rodas que ten programadas saídas o 5, 12 e o 19 de maio con saídas a Salcedo, á Xunqueira de Alba e á Enseada de San Simón.