A experiencia do Fondo Galego, exemplo para Portugal, Alemaña e Holanda

Pontevedra
03 de maio 2016

Pontevedra acolleu este martes un seminario internacional no que vinte concellos socios do Fondo galego de Cooperación e Solidariedade puideron intercambiar experiencias con entidades de diferentes países europeos como Portugal, Alemaña ou Holanda

Seminario internacional do Fondo Galego de Cooperación en Pontevedra
Seminario internacional do Fondo Galego de Cooperación en Pontevedra / Concello de Pontevedra

Pontevedra acolleu este martes un seminario internacional no que vinte concellos socios do Fondo galego de Cooperación e Solidariedade puideron intercambiar experiencias con entidades de diferentes países europeos como Portugal, Alemaña ou Holanda.

Nesta xornada, o Fondo Galego expuxo o seu propio modelo de xestión das actividades de educación para o desenvolvemento no eido local, que está a servir de referencia para os parceiros europeos.

Así, o obxectivo é que esta experiencia sirva como orixe dunha futura rede europea que conecte o traballo que se realiza en todas estas áreas en materia de cooperación.

Entre estas accións de sensibilización áchase Vacacións con Traballo, o programa de voluntariado internacional dirixido a persoal das administracións sociais.

A bibliotecaria redondelá María José Villar, que colaborou o ano pasado en Cabo Verde, e Diego Sánchez, que viaxou a Nicaragua cando era técnico de Turismo do Concello de Castrelo de Miño, compartiron senllas experiencias, coas que procuraron achegar o seu gran de area para mellorar a vida das persoas.

Angélica Gómez e María Ortega, concelleiras respectivamente de Burela -con máis de trinta nacionalidades- e Moaña, exemplificaron as boas prácticas dos municipios galegos en educación para a cidadanía global, e remataron solidarizándose coas persoas refuxiadas.

Tomoulles o relevo a través de videoconferencia Frederike Hassels, da ONGD alemá Fine+p, que incidiu na capacidade transformadora da educación para o desenvolvemento impulsado polas administracións locais.

Pola súa banda, o director da fundación holandesa LBSNN, Ronald van der Hijden, apostou por non apelar á compaixón senón por amosar nas campañas de sensibilización o potencial dos países do Sur e puxo como exemplo das súas actividades os murais latinoamericanos que o alumnado pinta nas escolas dos Países Baixos.

Non faltou á cita a Rede Intermunicipal de Cooperação para o Desenvolvimento, creada en Portugal co asesoramento do Fondo Galego. Os concellos de Loures e O Seixal estiveron presentes canda o Instituto Marquês de Valle Flôr, se ben foi o presidente da RICD, Paulo Ramalho, quen presentou a entidade, salientando o valor do traballo en rede tanto entre municipios como coas propias ONGD.

A mañá pechouse cunha conexión con María Helena Correia, presidenta da Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas, coa que o Fondo Galego comezou a traballar este ano para fomentar a participación feminina na política local e que animou a rexedoras e concelleiras galegas a acudir ao intercambio de experiencias que en setembro terá lugar en Mozambique coas súas homólogas africanas.