Ante a baixada do caudal do río Lérez por baixo do seu caudal ecolóxico, Ence – Enerxía e Celulosa vese na obrigación de parar temporalmente a actividade da súa fábrica de Pontevedra.
Segundo comunicou a compañía,a Xunta de Galicia, "en exercicio da súa función de velar polo mantemento das masas de auga e o medioambiente", advertiu á empresa da situación do caudal do Lérez e solicitoulle que deteña temporalmente a súa operación; unha parada que Ence Pontevedra puxo en marcha de forma inmediata.
Nestes momentos a compañía está xa en pleno proceso de parada. Un proceso que se está executando "en condicións de total seguridade".
"Esta suspensión da operación da fábrica prolongarase ata que se normalice o caudal do río, en cumprimento da normativa vixente", detallan dende Ence.