A fachada da comisaría, en obras

Pontevedra
30 de xaneiro 2018

As instalacións da Policía Nacional na rúa Joaquín Costa terán de forma inmediata unha nova imaxe. Nos últimos días comezaron as obras de reforma da fachada, que manteñen a parte dianteira do edificio oculta tras as estadas. As obras están a piques de terminar 

Obras na fachada da Comisaría Provincial
Obras na fachada da Comisaría Provincial / Mónica Patxot

A Comisaría Provincial da Policía Nacional na rúa Joaquín Costa terá de forma inmediata unha nova imaxe. Nos últimos días comezaron as obras de reforma da fachada, que manteñen a parte dianteira do edificio oculta tras as estadas. 

Segundo indicou este martes o comisario provincial, Manuel Bouzas, as obras están a piques de terminar, de modo que nos próximos días xa se poderá comprobar a reforma integral realizada. 

Unha vez realizada este obra, quedan pendentes varias actuacións na Comisaría Provincial, que se centrarán en mellorar o primeiro piso do edificio, no que ata maio de 2016 estaban situadas as oficinas de expedición do DNI e o pasaporte

Unha vez que este servizo se trasladou ás antigas dependencias do Banco de España entre as rúas Michelena e Fernández Villaverde, quedaron dispoñibles unhas instalacións que agora serán reaproveitadas. Entre outros usos, destinaranse a ampliar e mellorar o arquivo da comisaría

Ademais, está previsto habilitar un salón de actos máis amplo que o actual, que queda pequeno cada vez que se convoca na comisaría un acto multitudinario, e realizarase unha reestruturación de despachos

Estas obras e o traslado da comisaría cobren parte das demandas que levan anos realizando os sindicatos policiais. As súas reclamacións históricas foron un aumento do catálogo de postos de traballo e a mellora das instalacións, ademais de contar cunha nova sede.