O Concello de Pontevedra está a superar xa os pequenos problemas que viviu coa entrada en vigor da factura electrónica, que supuxo un aumento dos prazos nos que pagaba aos seus provedores. No terceiro trimestre do ano xa case se deu por normalizada a situación e a media de tempo que se tarda en pagar as facturas situouse nos 47,52 días.
O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, deu conta dos datos nunha rolda de prensa na que indicou que durante o terceiro trimestre o Concello pagou 3.263 facturas, un número moi superior a trimestres anteriores, e pese a todo reduciuse o prazo de pago, de modo que xa están a retomar as cifras previas á entrada en vigor da factura electrónica.
A pesares de que o prazo é aínda superior ao que había antes da entrada en vigor da factura electrónica, Raimundo González indicou que o Concello segue a estar por debaixo dos 60 días de pago máximo permitido pola lei, "e seguimos baixando e traballando por poder situar o pago nos 30 días".
Eses 47,52 días son a media do Concello, pero as cifras redúcense no caso dos organismos autónomos. O período medio de pago no Pazo da Cultura foi de 17,89 días e no Instituto Municipal de Deportes (IMD) de 15,65 días. Todo son datos relativos ao terceiro trimestre do ano.