Representantes da Consellería de Educación e da Federación de Anpa de centros públicos de Pontevedra (Fanpa) acordaron na reunión mantida este mércores abrir o vindeiro luns 10 de agosto o prazo para que se inscriba o alumnado nos comedores escolares.
A partir de aí, unha vez que se coñeza a demanda que existe para este servizo, Educación e a Fanpa que preside Rogelio Carballo, volverán reunirse para, antes do inicio do curso escolar, analizar as necesidades reais dos comedores escolares en Pontevedra e establecer as condicións que garantan o desenvolvemento desta actividade con seguridade sanitaria.
Esa nova reunión, segundo a Xunta, levará a cabo a finais de agosto ou a principios de setembro e servirá para resolver as dúbidas que expoñan as Anpas á hora de poñer en marcha o protocolo para que os centros de ensino se adapten á situación de emerxencia sanitaria provocada pola Covid-19.
Segundo indican desde a Xunta, a Xefatura Territorial de Educación en Pontevedra realizou visitas durante os últimos días aos centros de ensino para coñecer as posibilidades de organización dos comedores escolares en cada caso.