A Fedelleneta do Nadal visita esta semana os centros escolares de Poio

Poio
13 de decembro 2023

O espectáculo coa musica do dj Javi Solla e coa animación da fedella Tere están percorrendo cada centro de infantil, de primaria e secundaria durante esta semana

A Fedelleneta do Nadal
A Fedelleneta do Nadal / Concello de Poio

A Fedelleneta do Nadal do Concello de Poio visita esta semana todos os centros de ensino do municipio para promocionar toda a programación organizada para gozar destas festas. 

O espectáculo coa musica do dj Javi Solla e coa animación da fedella Tere están percorrendo cada centro de infantil, de primaria e secundaria durante esta semana. 

Así, o martes visitaron o IES de Poio e o colexio de Isidora Riestra, este mércores estiveron en Viñas e Lourido, ata onde tamén se achegaron o alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, e entre mañá xoves e o venres estarán nos centros de Chancelas e Espedregada e nas escolas infantís da Galiña Azul, Saíñas, Trastes e do Bao.

Ángel Moldes sinala que "este é un Nadal participativo, queremos que toda as crianzas se contaxien da ilusión por estas festas, porque eles teñen que ser os protagonistas. Por iso apostamos por achegar as nosas propostas aos centros de ensino e, de paso, agradecerlles toda a súa colaboración coa decoración das casiñas que protagonizan as sete Aldeas de Nadal de Poio".

QUERES A VISITA DOS REIS MAGOS?

Por outra banda, desde a Asociación de Empresarios En Poio puxeron en marcha a iniciativa "Queres unha visita dos Reis Magos?" destinada para persoas de máis de 85 anos que non poden saír paraa ver ás súas maxestades o 5 e 6 de xaneiro. Anotándose nalgún dos establecementos adheridos, pódese solicitar que os Reis Magos os visiten nos seus fogares os días 2, 3 e 4.