A Federación Provincial de Hostaleiros denuncia á Xunta polo peche do sector

Pontevedra
15 de febreiro 2021

O colectivo ten preparadas tres demandas que buscan, en primeiro lugar, tombar a orde que obriga a pechar bares e restaurantes. Reclamarán tamén compensacións polas reducións de aforo e horario, así como indemnizacións aos hoteis polos efectos dos peches  perimatrales

Protesta convocada pola PAC para esixir axudas para a hostalería e expresar o malestar polas restricións
Protesta convocada pola PAC para esixir axudas para a hostalería e expresar o malestar polas restricións / Mónica Patxot

A Federación Provincial de Hostaleiros de Pontevedra (Feprohos) presentou este luns unha demanda diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pola decisión da Xunta de ordenar o peche do sector.

O presidente do colectivo, César Ballesteros, declarou esta mañá á saída dos xulgados de Vigo que é unha serie de tres denuncias as que ten preparadas a agrupación. Esta primeira ten como obxectivo conseguir a suspensión cautelar da norma que lles impide abrir, algo que fixo tamén agrupacións da Coruña e que se conseguiu no País Vasco.

O segundo paso será reclamar unha compensación pola obrigatoriedade de reducir aforos e horarios. A terceira refírese aos peches perimetrais e ao prexuízo causado ao sector hostaleiro. 

"A situación é insostible, e nin sequera os impostos baixaron", denuncia Ballesteros, quen protesta tamén por unhas axudas que consideran insuficientes e que non dan nin para cubrir os gastos.

Desde Feprohos aseguran estar cansos de "mendigar" unhas axudas que non chegan, polo que decidiron abrazar a vía xudicial para conseguir unha compensación por danos e prexuízos.

Na capital da provincia, Hoempo pronúnciase a favor desta iniciativa. "Todo o que sexa defensa dos intereses do sector neste momento tan convulso apoiámolo a morte", aseguran desde un colectivo no que tamén levan semanas estudando adoptar medidas similares.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora