O Recinto Feiral de Pontevedra converterase a próxima fin de semana, os días 14 e 15 de setembro, nunha parada obrigada para todas a persoa que teñan en casa animais de compañía. Alí celebrarase a segunda edición da Feira da Mascota.
Esta feira, cuxa entrada é gratuíta, abrirá as súas portas en horario matinal e vespertino, entre as 11:00 e as 14:00 horas e entre as 16:00 e as 21:00 horas, aínda que o domingo pechará media hora antes, ás oito e media da tarde.
A de Pontevedra será unha feira que, segundo a súa directora, pretende contribuír a difundir o traballo das protectoras e axudarlles nos procesos de adopción, polo que terán un espazo reservado dentro do recinto "que les ayude a tener un poquito más de visibilidad".
Durante os seus dous días, a Feira da Mascota contará con diversas casetas de negocios especializados en animais, exhibicións, charlas e seminarios sobre os coidados das mascotas ou unha zona infantil, entre outras iniciativas destinadas ao público de todas as idades.
Ademais de todas estas actividades relacionadas cos animais e os seus coidados, a feira incluirá un espectáculo de monólogos, que estará protagonizado polo cómico Miguel Martín, "para dar un toque de humor e intentar que venga más gente", segundo os organizadores.
"Esperemos que la feria funcione bien y que siga adelante muchos años más", sentenciou a súa directora, que agradeceu o apoio recibido do Concello e da Xunta de Galicia.
A edil responsable da área de promoción económica, Anabel Gulías, destacou que este evento "ofrece algo que cremos que é moi interesante para todos vos veciños e veciñas".
Defendeu que "os tempos están cambiando" e cada vez máis as mascotas ocupan un espazo importante "non só nas nosas casas senón tamén nas cidades", fomentando un maior coidado e respecto para todos os animais de compañía e garantindo o seu benestar.
Pola súa banda, Pablo Fernández, secretario xeral de Emprego da Xunta de Galicia, subliñou a importancia desta feira nun contexto no que "un de cada dous españois temos mascotas nos domicilios" ou cando as adopcións dos animais xa superan aos nacementos de nenos.
Así, co apoio do goberno galego participarán na feira seis emprendedores, entre eles unha tenda de produtos veterinarios, un fotógrafo especializado en mascotas, unha firma de roupa para animais ou un experto en acompañamento nas despedidas.
"Este é un sector puxante que está a lograr novos emprendedores e no que se están a consolidar novas liñas de negocio", sinalou Fernández.