A Feira de Cuspedriños batirá records cunha oferta de oitenta postos

Cerdedo Cotobade
31 de maio 2018

Oitenta postos e expositores de produtos de alimentación, artesanía, saúde, ecoloxía e turismo e a instalación dunha gran carpa ante a posibilidade de choivas febles. Son as novidades que presenta a XII Feira de Cuspedriños, que se celebrará o domingo 3 de xuño

Presentación da XII Feira de Cuspedriños
Presentación da XII Feira de Cuspedriños / Concello de Cerdedo-Cotobade

Oitenta postos e expositores de produtos de alimentación, artesanía, saúde, ecoloxía e turismo e a instalación dunha gran carpa ante a posibilidade de choivas febles. Son as novidades que presenta a XII Feira de Cuspedriños, que se celebrará o domingo 3 de xuño.

Todos os detalles do programa foron dados a coñecer durante a presentación celebrada no consistorio de Carballedo e que contou coa presenza do presidente, Jorge Cubela, de membros da corporación municipal e de representantes do colectivo de mercados ecoartesanais e de proximidade Emrede, que colabora con esta cita na coordinación e organización dos postos.

O certame contará con 35 casetas de alimentación artesá e ecolóxica, 30 de artesanía e os 15 restantes de saúde natural, limpeza ecolóxica, ecoturismo e enerxías renovables e estarán distribuídos entre os pendellos, o antigo mercado e unha zona da carballeira que quedará cuberta por unha carpa de grandes dimensións.

A programación de actividades é a seguinte:

  • 10.00 horas.- Apertura do mercado
  • 11.00 horas.- Obradoiro de cerámica
  • 12.00 horas.- Chegada e exposición de vehículos e autobús antigos
  • 12.00 horas.- Agrolimpiadas para nenos e adultos
  • 12.30 horas.- Actuación teatral tradicional
  • Xantar galego ecosaudable con filloas, snacks vexetais, burguer e pizzas ecolóxicas, ensaladas, batidos e zumes
  • 15.30 horas.- Actuación teatral tradicional
  • 16.30 horas.- Actuación do Cego de Monifates
  • 17.30 horas.- Pasarela de traxes tradicionais galegos
  • 18.00 horas-. Obradoiro de tipis para nenos
  • 19.00 horas.- Actuación do Cego de Monifates
  • 20.00 horas.- Concerto de peche con Bétula Péndula
  • Haberá sorteo de produtos ás 14.00 e 20.00 horas e xogos infantís durante todo o día na carpa de Brazolinda

 

Cubela quixo agradecer o apoio de Emrede para configurar a recreación dos antigos mercados de Cuspedriños, "xa que permite acadar un maior grao de profesionalización e contar cunha maior oferta para os milleiros de visitantes".

Así mesmo, quixo convidar a todos os veciños de Cerdedo-Cotobade e dos concellos veciños a que se acheguen ata Cuspedriños "para gozar dunha xornada lúdica e moi especial que serve de ollada á nosa historia e tamén de recoñecemento ao noso pasado como trabe fundamental para conformar a moderna sociedad actual".