A Feira Franca confirma o seu tirón no regreso post pandemia con 279 solicitudes para banquetes e 86 para mercado

Pontevedra
07 de agosto 2022

Non se chegou á cifra récord de 2019, pero deixa datos que confirman a boa acollida da festa para os días 2 e 3 de setembro. Presentáronse 279 solicitudes para banquetes, das que 110 foron de hostalería e 169 de particulares que organizan xantares e ceas na rúa. O mércores, 10 de agosto, publicarase a listaxe definitiva de solicitudes admitidas

Feira Franca 2017
Feira Franca 2017 / Mónica Patxot

O regreso da Feira Franca despois de dous anos sen celebrarse por mor da pandemia será por todo o algo. A cita, ineludible xa no verán pontevedrés, non se celebra desde setembro de 2019 e había ganas de festexar, como demostran as solicitudes presentadas para organizar xantares e ceas.

Non se chegou á cifra récord de 2019, pero si deixa datos que confirman o tirón da festa. Presentáronse 279 solicitudes para banquetes, das que 110 foron de hostalería e 169 de particulares que organizan xantares e ceas na rúa.

Ademais dos banquetes na vía pública, un dos elementos que máis vida dá á Feira Franca son os postos de mercado instalados por toda a cidade e este ano solicitáronse para a fin de semana dos días 2 e 3 de setembro 86 solicitudes.

A falta de menos dun mes para a súa celebración, o prazo para presentar solicitudes para hostalaría, mercado e/ou xantares e ceas de particulares está pechado e a listaxe provisional de solicitudes admitidas é xa pública na oficina da Feira Franca. Alí recóllense estes datos, á espera de que se resolvan posibles reclamacións. 

A partir do vindeiro mércores, 10 de agosto, publicarase a listaxe definitiva de solicitudes admitidas, contra a que xa non cabe ningunha alegación.

No ano 2019 a Feira Franca tocara o seu teito con 250 mesas de particulares e 150 de hostalería, 400 banquetes na vía pública que a concelleira de Festas, Carme da Silva, cualificou como "o tope" da festa. Aquel ano houbo 70 postos de venda, 33 de alimentación e 37 de artesanía.

A Feira Franca volverá ser este ano unha viaxe ao século XV, a una ciudad habitada por artesáns, canteiros, ferreiros, palilleiras, cesteiros, oleiros, redeiras, carpinteiros, músicas, xograres, campesiños, toneleiros, artistas, comerciantes, damas e cabaleiros que nos achegan ao tempo do privilexio concedido a Pontevedra polo rei Henrique IV, no ano 1467, en virtude do cal se autorizaba a celebración dun mercado libre de impostos dun mes de duración.

O programa deste ano 2022 aínda non se fixo público, pero cada ano inclúe a representación do transporte do viño, un torneo medieval, espectáculos de cetraría, tiro con arco e esgrima ou exhibicións de música e danza.

Un ano máis, agárdase que a festa, declarada Festa de Interese Turístico pola Xunta de Galicia en 2013, reúna en Pontevedra milleiros de persoas vestidas de época.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora