A feminista Silvia Federici abre a Semana Galega da Filosofía con 'Mulleres e a reconstrucción do común'

Pontevedra
02 de abril 2018

A súa intervención será ás 10.30 horas no Teatro Principal, pero previamente terá lugar no mesmo espazo a iinauguración oficial da Semana, a cargo do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e da presidenta da Aula Castelao, Ana Regueira

Recepción do alcalde á Aula Castelao de Filosofía
Recepción do alcalde á Aula Castelao de Filosofía / Gabriela Varela Asorey

A XXXV Semana Galega da Filosofía, que este ano leva por título 'Filosofía e o común', comeza este luns coa inauguración oficial e a intervencion de Silvia Federici, da Universidade Hofstra de Nova York, que versará sobre 'Mulleres e a reconstrucción do común'.

Silvia Federici é unha historiadora, investigadora e activista radical feminista que se sitúa no movemento autónomo dentro da tradición marxista. Actualmente é profesora emérita de Filosofía Política na Universidade Hofstra de Long Island, en Nova York, pero no pasado, en 1972, participou na fundación do Colectivo Feminista Internacional, organización que puxo en marcha a campaña internacional Wages For Housework (WFH) a favor do salario polo traballo doméstico.  

Tendo como antecedentes os cambios que tiveron lugar na organización do traballo reprodutivo e da acumulación capitalista desde os anos 70, examinaranse nesta conferencia as novas tendencias dentro da reprodución social, a súa contribución á reconstrución das relacións sociais comunais e as implicacións que isto ten para a loita feminista.

A súa intervención será ás 10.30 horas no Teatro Principal, pero previamente terá lugar no mesmo espazo a inauguración oficial da Semana, a cargo do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e da presidenta da Aula Castelao, Ana Regueira

A XXXV Semana Galega da Filosofía desenvolverase no Teatro Principal entre entre este luns 2 e 6 de abril.

Este luns 2, pola tarde, a intervención correrá a cargo de Xosé Lois Vilar Pedreira, integrante do instituto de Estudos Miñoráns (IEM) que ten traballado escavando fosas da represión franquista en Galicia. Na actualidade dedícase, xunto a outros compañeiros do IEM, á recollida de toponimia miñorá e ó Proxecto Equus na defensa, promoción e estudo das burras do monte. 

Entre os especialistas que participarán figuran César Rendueles, filósofo e profesor de socioloxía, experto en filosofía política e xestión cultural, que ofrecerá a súa visión acerca dos bens comúns e a sociedade contemporánea: e Pablo Carpinteiro, investigador e musicólogo, que traballou no proxecto Ronsel da Universidade de Vigo para a recuperación do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia.