A Ferrería converterase nun gran bosque de eucaliptos

Pontevedra
31 de maio 2017

Os organizadores achegarán máis de 200 exemplares para esta "plantación" simbólica pero animan á cidadanía a que contribúa levando máis eucaliptos a esta rechamante forma de protesta organizada en torno ao Día do Medio Ambiente, que se conmemora cada 5 de xuño

María Rodríguez, Antón Masa e Benito Andrade
María Rodríguez, Antón Masa e Benito Andrade / PontevedraViva

A Praza da Ferrería converterase este sábado nun gran bosque de eucaliptos para denunciar a "invasión" desta especie en Galicia e para reclamar o fin da "impunidade" coa empresa pasteira Ence e o "vale todo" en política ambiental.

O acto foi convocado pola 'Rede Cousas de Raíces', integrada pola Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), Adega e a Federación Ecoloxista Galega.

Os organizadores achegarán máis de 200 exemplares para esta "plantación" simbólica pero animan á cidadanía a que contribúa levando máis eucaliptos a esta rechamante forma de protesta organizada en torno ao Día do Medio Ambiente, que se conmemora cada 5 de xuño.

María Rodríguez Lafuente de ADEGA, sinalou que a "eucaliptización" de Galicia está "promovida" pola empresa Ence.

Neste sentido, Benito Andrade, representante da Federación Ecoloxista Galega, advertiu que o eucalipto se estende por case 400.000 hectáreas en Galicia e representa o 28 por cento da masa arborizada da Comunidade Autónoma polo que alerta que é "urxente" deter a súa expansión.

Sinalan que os eucaliptos son unha especie invasora e provocan a desaparición de masas boscosas de elevado valor tanto ambiental como sociocultural ou patrimonial e que ao ser plantas pirófitas, favorecen os incendios forestais.