A festa de San Patricio inaugura a súa carpa facendo fronte ao mal tempo

Pontevedra
15 de marzo 2018

Os organizadores teñen previsto igualar ou superar os 4.000 litros de cervexa e 2.000 bocadillos da anterior edición

Inauguración da Festa de San Patricio 2018
Inauguración da Festa de San Patricio 2018 / Mareantes RCP

A sétima edición do San Patricio, organizada polo Mareantes Rugby Club, inaugúrase pasada por auga. A carpa abriu este mércores 14 de marzo ofrecendo acubillo aos seus asistentes fronte as choivas, tronos e ventos que deixaba a borrasca Gisele.

A pesar diso, os organizadores da festa non se desaniman. Teñen previsto igualar ou superar os 4.000 litros de cervexa e 2.000 bocadillos da anterior edición, que ademais rompía un récord de asistencia. O único que se lles pode poñer polo camiño, afirman, é o mal tempo.

O xoves 14 de marzo prevese que a presencia sexa, ante todo, universitaria. A carpa encherase de música da man de 'Pistola del Manco', ás 20.30 horas. Ademais, a banda Coverstone amenizará o segundo pase de concertos todos os días, a partir das 22.00 horas.

O venres seguirá a festa, da man de 'Banda Sr. Nilsson' ás 20.30 horas e 'Desconcerto' á mesma hora, o sábado. O domingo é o día máis familiar. Por iso ás 13.00 horas tense prevista unha exhibición de baile moderno da man de 'Talento Dance Studio' para todos os públicos. E por suposto, preténdese repetir a tan exitosa 'happy hour' do anterior ano a final de tarde, con prezos especiais para todos os asistentes.

A cervexa sempre é a estrela deste evento. Por iso, este ano fáiselle unha especial homenaxe á festividade da man da marca Nasa. Se en Chicago tínguense os ríos de verde para a celebración de San Patricio, en Pontevedra será a cervexa loura a que luza a cor. O segredo: un colorante que non altera o sabor.

Por último, a gastronomía de Pepe Solla empeza a converterse en tradición. Este ano ademais das salchichas irlandesas, as hamburguesas e os doces tradicionais recorrentes, os asistentes poderán gozar do 'bocadillo de luras en pan triscante con maionesa de lima e cedeira' do chef.