Os responsables da organización da Festa do Caldo de Mourente esperan que o Pleno do Concello de Pontevedra avale por unanimidade os trámites para que a Xunta declare esta festa gastronómica como de interese turístico de Galicia.
Así o confirmou Santiago Laya, presidente da Asociación de Veciños O Castro, na presentación deste evento, que como sempre, se celebrará a segunda fin de semana de marzo, os días sábado 7 e domingo 8.
A Festa do Caldo de Mourente celebra este ano a súa edición número 24. Os seus responsables insistiron no grande esforzo que supón organizar este evento que queren que se manteña aínda que os actuais promotores desaparezan.
Xa son un centenar os confrades nomeados ata este ano como membros da Orde do Caldo de Mourente, e segundo anunciou o seu presidente, Antonio Reguera, para este capítulo propúxose a: Antonio de Sousa, presidente da Cámara de Penafiel; Carlos Guardado, Coordinador de Gastrónomos de Yumay de Avilés; Luis Cebrián, Xeneral da Brilat; Armando González, compositor; José Lorenzo, profesor xubilado; Xulio César González, delegado internacional da Fundación Luso-Galaica. O sábado ás 12:30 horas fronte ao Carballo da capela de Santa Margarita faranse os nomeamentos.
A xornalista televisiva Yolanda Vázquez será a pregoeira. Ademais espérase que a que foi primeira muller pregoeira da festa, a artista portuguesa María do Ceo interprete un pasadoble composto en honor ao caldo de Mourente.
A homenaxe popular será para dous veteranos veciños e colaboradores da asociación, Jenaro Santomé e Carlos Morgade.
Habilitaranse dúas grandes carpas con mesas e cadeiras para acoller os máis de 6.000 comensais que acoden a esta festa. A organización fará "unha doazón de peixe ás monxas de Santa Clara para pedir que non chova", que vaia frío non lles importa "xa que así o caldo senta mellor".