A Festa do Caldo de Mourente volverá celebrarse na súa localización habitual por primeira vez desde o 2020. A programación da festividade organizada pola asociación de veciños O Castro foi presentada este xoves no Concello de Pontevedra, e se celebrará os días 11 e 12 de marzo en Mourente.
Esta nova entrega presentouse baixo o lema de "o que queira caldo quente, que se pase por Mourente", facendo referencia a que a Festa volve ás súas raíces despois de varias edicións sen poder celebrarse con normalidade por mor da pandemia.
A celebración comezará o sábado 11 coa tradicional imposición de capas a novas damas e novos cabaleiros da Orde do Caldo, condecoración coa que xa contan a concelleira de Promoción Económica Yoya Blanco e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural Iván Puentes, que presidiron a presentación desta nova edición.
O acto levarase a cabo xunto ao carballo centenario de Santa Margarida, lugar onde se realizou a imposición de capas na primeira edición. Os novos cabaleiros confirmados son Javier Porras Gómez, policía de Vilagarcía condecorado coa cruz de prata da Orde de Isabel a Católica; José Luis Sarandeses Martínez, xefe do Servizo de Cultura e Festas do Concello e de Turismo de Pontevedra; José López Pena, director da Residencia de Maiores da Xunta de Galicia de Campolongo; e José Luis Villanueva Vicente, patrón maior dos mariscadores de Carril.
Tras os actos de Santa Margarida, os asistentes estarán convidados a degustar os produtos empregados o domingo na Festa do Caldo. Todo iso comezará a cociñarse ás tres da madrugada do venres, e os prezos deste ano serán de 2,50 euros a cunca e 6 euros a cazola.
A noite do sábado haberá un festexo coa actuación das orquestras A Costa Dourada e Grupo Ritmo. Xa o domingo, o campión de Cantareiros Antonio Barros será o encargado de ler o pregón ás 13.00 horas. Os responsables de animar a festividade mediante diversas actuacións serán A cabeza non para, Grupo Foula, Voces Amigas de Mourente e Agrupación Os Alegres.
Desde a organización fan un chamamento a todos os confrades para que asistan aos actos do domingo, remarcando a importancia que ten a colaboración da xente para que a festa se siga celebrando.
Doutra banda, resaltan a importancia da festividade como unha das máis importantes de Pontevedra, polo que agradecen ao Concello o apoio a esta celebración. "Os anos pasan por nós. Temos que buscar xente para que a Festa do Caldo de Mourente siga adiante", afirmaba Antonio Reguera, presidente da Orde do Caldo Galego.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.