A Festa do Lacón con grelos en Cuntis bate rexistros con máis de 3.000 persoas

Umia
18 de febreiro 2018

A vixésimo primeira edición desta tradicional Festa ofreceu numerosas actividades ao longo deste domingo. O momento máis divertido chegou da man do humorista Carlos Blanco, que exerceu de pregoeiro

Intervención de Carlos Blanco no pregón da Festa do Lacón con grelos de Cuntis / PontevedraViva

As previsións víronse superadas na vixésimo primeira edición da Festa do Lacón con grelos de Cuntis. Máis de 3.000 persoas, segundo o Concello de Cuntis, achegáronse ata a Alameda durante este domingo para degustar o tradicional prato gastronómico, superando en máis dun milleiro a cifra lograda durante 2017.

Os actos iniciábanse ás 11.30 horas coa actuación da Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional e coa apertura da Feira de Artesanía e produtos agroalimentarios. Media hora máis tarde, os asistentes xa podían ver as interesantes exposicións de camelias, casas de bonecas, bonsais, cerámica de Castrolandín e de encaixe.

O actor e humorista Carlos Blanco foi o encargado de ler un pregón que mesmo cun rap sobre o lacón fixo as delicias do público, entre o que se atopaban diferentes representantes do Partido Socialista como Santos Héctor, Guillermo Meijón e o alcalde Manuel Campos. Tamén se achegou a esta cita Xosé Leal, máximo responsable da área de Cultura na Deputación Provincial.

A festa continuou coa décima edición da Vespalacón e co desfile do Entroido Ribeirao para que, a continuación, o grupo The Bichos Jazz Band interpretase varios temas desde o escenario.

O momento esperado por todos chegaba ás 14.00 horas coa comida do saboroso lacón con grelos. Ao longo da tarde, o clown Peter Punk, a Banda Xuvenil de Cuntis e a Banda dá Escola de Música de Vilaboa, ademais de Galifunk Brass foron os protagonistas das principais actividades. 

A xornada deste segundo domingo de Entroido péchase co velorio e enterro da figura do Chapante.