A Festa do Petote sairá á rúa e abandonará o pavillón municipal

Cerdedo Cotobade
02 de marzo 2018

Todas as actividades da IX edición da Festa do Petote, incluído o xantar popular, terán lugar na Praza da Chan de Carballedo. É a principal novidade dun evento gastronómico que, deste xeito, abandona o seu tradicional emprazamento no pavillón municipal e sairá á rúa

VIII Festa do Petote
VIII Festa do Petote / Diego Torrado

Todas as actividades da IX edición da Festa do Petote, incluído o xantar popular, terán lugar na Praza da Chan de Carballedo. É a principal novidade dun evento gastronómico que, deste xeito, abandona o seu tradicional emprazamento no pavillón municipal e sairá á rúa. 

O recinto, en todo caso, mantense como alternativa para garantir o certame gastronómico en caso de choiva ou climatoloxía adversa para o día previsto para a festa: o domingo 11 de marzo.

O goberno local xa conta co cartel promocional da presente edición, ilustrado cunha imaxe da fotógrafa estradense Marga Fraga, e xa pechou o programa, que está centrado na degustación dun cocido tradicional con petote de despedida do entroido.

Segue aberta a venda dos tiques para o xantar popular, que estará preparado por Carmen A de Perdiz e consiste nun cocido completo con petote, café, postre e un servizo mínimo de bebidas con viño e auga. O prezo é de 15 euros por comensal e de 5 euros para os menores de seis anos. 

As persoas interesadas poden adquirir os convites nunha ducia de establecementos da bisbarra: A de Ángel (Tenorio), A Vosa Taberna (Borela), Bar Conchi (San Xurxo de Sacos), Casa Perdiz (Augasantas), Bar A Rampla (Cerdedo), Café A Chan (Carballedo), Casa Florencio (Verdugo), Bar Brasileiro (A Lama), Frutas Nieves (Ponte Caldelas) e Autocares Viuda de Cándido (Pontevedra).

Ademais, haberá animación musical durante toda a mañá con charanga Charandonga de Tenorio, xunto con xogos inchables para nenos e postos de venda de produtos.

Ás doce celebrarase un desfile coas comparsas As Marchosas de Arcade, Os Solfamidas, Cor Café, Os da Caña e O Bar de José; ás 12.30 horas será a concentración de motos Vespa, ás 13.00 horas o concerto do grupo Foula e ás 16.30 horas a actuación do Dúo Prisma.