A enoloxía e a cultura do viño é un dos grandes atractivos da oferta turística nas Rías Baixas e eventos como a Festa do Viño de Meaño contribúen a potenciar a provincia como destino turístico ligado á natureza, á gastronomía e á enoloxía.
Este domingo tivo lugar o tradicional desfile de autoridades, confrarías e adegueiros desta vixésimo terceira edición da Festa do Viño de Meaño.
Unha xornada que se completou coa lectura do pregón e o nomeamento de novos cabaleiros e damas.
Este evento serve para poñer en valor o bo facer de viticultores e adegueiros da Denominación de Orixe Rías Baixas en Meaño, concello que forma parte da subzona do Val do Salnés, unha das cinco que compoñen esta DO e que conta cunha produción de preto de 26 millóns de toneladas de uva.
En total son vinte e unha adegas da D.Ou. as que se dan cita esta fin de semana en Meaño: Anadigna, Vionta, Torre Penelas, Terras Lantaño, Lagar de Pintos, Veiga Naum, Pablo Padín, Zárate, Fulcro, Luis García, Paco&Lola, Forjas do Salnés, O Ferrollo, Terra de Mareas, O Parral, Cabaleiro do Val, Attis, Terras do Sur, Rozas, Abó Roxo e Albamar.
A festa tamén inclúe este domingo as actuacións da Charanga Furruxa, o concerto de Roi Casal e a verbena a cargo de Charleston Big Band.