A Festa dos Maios homenaxeará a persoas que contribuíron a manter esta tradición en Poio

Poio
19 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Cada ano destacarase a traxectoria dunha persoa, que elixirán os colectivos que cada ano participan nesta festa. Na reunión que mantiveron onte tamén avanzaron no consenso das bases que rexerán os concursos deste ano

Concurso dos Maios en Poio 2023
Concurso dos Maios en Poio 2023 / Concello de Poio

A Festa dos Maios deste ano homenaxeará a unha das moitas persoas que en Poio comezaron con esta festa e, ao longo dos anos, contribuíron a manter e difundir esta tradición.

Esta é unha das novidades principais da edición deste ano, tal e como se acordou na reunión que o luns pola noite mantiveron o alcalde, Ángel Moldes, e os concelleiros de Cultura e de Festexos, Natalia Sabarís e Fran Dasilva, cos representantes dos colectivos locais que participan nos concursos. 

O obxectivo, destacan, é poñer en valor o traballo de todas esas persoas que, ano tras ano, se comprometeron e traballaron para recuperar e dar continuidade a unha das tradicións que hoxe están máis arraigadas no concello, non só coas súas creacións e composicións, senón tamén espertando este interese polas xeracións máis novas.

Conscientes de que hai moitas persoas que en Poio merecen este recoñecemento, cada Festa dos Maios se homenaxeará a unha delas que será decidida, por consenso, entre os propios colectivos. Así, nos próximos días darán a coñecer o nome da persoa á que se fará o recoñecemento este 1 de maio.

Durante o encontro, tamén avanzaron noutros aspectos da festa, entre elas consensuar as bases que rexerán os concursos deste ano e que se aprobarán a próxima semana.

A Festa dos Maios é unha das festas populares con máis tradición en Poio, de feito nos últimos anos a calidade das composicións van en aumento. A praza do Mosteiro de San Xoán énchese o 1 de maio pola mañá de vexetación, cor e música para celebrar esta festa ancestral que dá a benvida á primavera. E xa pola tarde, trasládanse á Praza da Chousa, en Combarro.