A Festa dos Maios regresa á chaira da Seca con 5.000 euros en premios

Poio
11 de abril 2022

Tras dous anos de ausencia pola covid-19, a Festa dos Maios volve a Poio. O tradicional concurso desenvolverase na chaira da Seca, o próximo 1 de maio, ás once da mañá. Neste certame repartiranse máis de 5.000 euros en premios

Festa dos Maios en Poio
Festa dos Maios en Poio / Concello de Poio

Tras dous anos de ausencia pola covid-19, a Festa dos Maios volve a Poio. O tradicional concurso desenvolverase na chaira da Seca, o próximo 1 de maio, ás once da mañá.

Os colectivos interesados en participar poderán apuntarse no rexistro municipal, con cita previa, ou a través da sede electrónica entre os días 21 e 28 de abril.

Neste certame repartiranse máis de 5.000 euros en premios. Todos os maios participantes contarán de partida con dúas roscas de agasallo e unha dotación de 200 euros por inscribirse. 

Con respecto ás categorías, premiaranse os tres deseños que obteñan as puntuacións máis altas por parte do xurado nas categorías de mellor conxunto, mellor maio, mellor copla, mellor coroa, mellor actuación e mellor barco galego tradicional.

Na tarde do mesmo domingo 1 de maio, a celebración trasladarase á Praza da Chousa, escenario que acollerá a Mostra de Maios que organizan o propio Concello e o Ateneo Corredoira.

A edil de Cultura, Raquel Rodríguez, asegura que a música tamén terá o seu protagonismo, toda vez que na Seca está prevista a actuación da Asociación Vides Novas, mentres que pola tarde en Combarro a Escola de Música Tradicional de Poio ofrecerá outro concerto.

"Para nós é unha alegría poder recuperar a Festa dos Maios, na que tanto se implican os colectivos locais á hora de realizar os deseños e de compoñer as coplas", subliña Rodríguez, que destaca que este evento é unha das citas máis emblemáticas do municipio.