A fin de ano achegouse a un 60% de ocupación hoteleira na provincia

Pontevedra
05 de xaneiro 2018

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, indicou que o mes de decembro saldouse cunha ocupación media provincial do 40%, 10,5 puntos por riba do acadado no mesmo mes do 2016 e destacou que 2017 foi o ano turístico máis importante para Pontevedra nesta década

Turistas baixo a chuvia
Turistas baixo a chuvia / Mónica Patxot

Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial, ofrecía este venres os datos da ocupación hostaleira durante o mes de decembro destacando os datos durante A fin de semana de fin de ano cando se rexistrou un 60% de ocupación nos establecementos hoteleiros. 

A media ao longo do mes sitúase nun 40%. A cifra establece que se superou en 10,5 puntos a media dese mesmo mes en 2016. Para Carmela Silva trátase do mellor ano turístico da última década.

A comarca con mellores datos foi Caldas, logrando un 80% de media, seguida polo Salnés, con 45%, mentres que Pontevedra superaba o 35% e O Morrazo o 25%. en establecementos rurais a porcentaxe supera o 51%.

Segundo os datos que manexa a Deputación, a maioría dos visitantes estatais ao longo deste mes procedían de Madrid, Barcelona e Áraba. Portugal, Alemaña e Arxentina son os países estranxeiros que atraeron a un maior número de turistas.

A presidenta anunciou que na feira turística Fitur van presentarse propostas para que a provincia de Pontevedra sexa máis coñecida e pase a ser un destino turístico de referencia e desestacionalizado. Carmela Silva indicou que o 56% dos visitantes deste mes non coñecía as Rías Baixas.