A fin de semana virá marcada por chuvascos illados nas Rías Baixas

Pontevedra
20 de febreiro 2015

A previsión do servizo de MeteoGalicia indica que haberá ceos cubertos durante os vindeiros días coa posibilidade de precipitacións ocasionais durante as xornadas do sábado e do domingo

Imaxe do satélite de MeteoGalicia do venres 20 de febreiro
Imaxe do satélite de MeteoGalicia do venres 20 de febreiro

Este sábado 21, día no que está previsto que se realice o desfile principal do Entroido tras suspenderse o fin de semana pasado, está previsto que os ceos nas Rías Baixas se manteñan parcialmente anubrados, con chuvascos illados, segundo apunta MeteoGalicia. As temperaturas apenas sufrirán cambios situándose entre os 7 e os 13 graos centígrados. Os ventos soprarán de compoñente norte, moderados en xeral, deixando unha sensación térmica de frío.

A previsión para o domingo sitúa á provincia de Pontevedra baixo a influencia das baixas presións, coa influencia dunha fronte cálida durante o día. Espéranse ceos anubrados e chuvias débiles tipo orvallo que comezarán no litoral atlántico. As temperaturas mínimas descenderán moderadamente e oscilarán entre os 4 e os 12 graos. Durante o domingo, os ventos soprarán frouxos de sueste. Nesta xornada está previsto o desenvolvemento do enterro do Ravachol como peche do Entroido pontevedrés.

Unha borrasca situada ao norte das Illas Británicas será a protagonista durante o luns 23 enviando unha fronte fría durante toda esa xornada. Os ceos permanecerán cubertos con chuvias xeneralizadas. Durante a tarde rexistraranse chuvascos e as temperaturas mínimas experimentarán un moderado ascenso entre os 11 e os 13 graos. O vento soprará de compoñente oeste.

Ao longo da semana produciranse unha situación intermedia entre o anticiclón de Azores e as borrascas do atlántico norte, polo que as condicións meteorolóxicas irán alternando entre días de ventos do sueste con alta probabilidade de precipitacións e temperaturas suaves e días de vento do norte, con menos chuvia pero máis frío.