A finais de abril estarán rematadas as obras de reforma do antigo ximnasio da Once para a práctica de esgrima e taekwondo

Pontevedra
03 de decembro 2020

O montante da obra ascende a 448.636 euros, cofinanciado por Fondos Europeos. O inicio dos traballos foi supervisado xoves polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes Tino Fernández, acompañado por Arturo Ramírez, máximo responsable da empresa encargada dos traballos, Construcciones Ramírez

Visita do concelleiro de Deportes Tino Fernández ás obras no antigo ximnasio da Once
Visita do concelleiro de Deportes Tino Fernández ás obras no antigo ximnasio da Once / Concello de Pontevedra

Xa están en marcha os traballos de reforma do antigo ximnasio do centro da Once en Pontevedra. A empresa Construcciones Ramírez aborda esta obra que se centra en eliminar os problemas de humidade e condensación que afectaban á instalación. 

Cun orzamento de 448.636 euros realízase unha actuación que se centra en converter este espazo nunha zona óptima para adestrar con eficiencia enerxética. A obra está cofinanciada por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER). A execución dos traballos deberá estar finalizada nun prazo de seis meses e a empresa comprometeuse a ter a reforma terminada antes da primavera de 2021, en concreto, a finais de abril.

Arturo Ramírez, presidente da empresa construtora, acompañaba a Tino Fernández, concelleiro de Deportes e tenente de alcalde durante a visita que realizaba este xoves ás instalacións.

Segundo explicaba Tino Fernández este espazo converterase nun lugar idóneo para a práctica de disciplinas como o taekwondo e a esgrima. O antigo ximnasio da Once conta con dous volumes; un de maior tamaño con dous pisos, destinado ás actividades deportivas, e outro máis pequeno, no que se atopan os vestiarios e o despacho. 

A obra aborda a mellora das condicións térmicas no espazo de pista deportiva; a optimización das instalacións de calefacción e de auga quente sanitaria; a instalación dun sistema de ventilación; a reforma para facilitar a accesibilidade ao pavillón e a adaptación á normativa de incendios. Está prevista tamén a reparación de toda a estrutura de formigón.

Abrirase unha porta de emerxencias na fachada suroeste da pista deportiva, cambiaranse as portas dos percorridos de evacuación que non se axustan á normativa actual e protexerase a estrutura metálica dos arcos existentes na estrutura. Entre outras actuacións, tamén se cambiará a tella da cuberta por tella curva sobre placa de vitrocemento e substituiranse as carpinterías actuais por xanelas fixas de aluminio.

Instalarase tamén un falso teito continuo de taboleiros ignífugos sobre a pista deportiva e o inmoble contará cun xerador de auga quente mediante enerxía solar cunha unidade de tratamento de aire para a climatización das instalacións.