A Finca de Briz será escenario dunha carreira de orientación nocturna

Marín
30 de xuño 2021

A Carreira de Orientación 'Nocturan' celebrarase este sábado 3 de xullo en Marín, haberá tres categorías segundo o nivel de dificultade e as inscricións xa están abertas

Sección do cartel da Carreira de Orientación 'Nocturan'
Sección do cartel da Carreira de Orientación 'Nocturan'

A concellería de Deportes e Xuventude de Marín, que dirixe Antonio Traba, anuncia a celebración este sábado 3 de xullo da Carreira de Orientación 'Nocturan' e convida a toda a cidadanía a participar.

O percorrido discorrerá pola contorna da Finca de Briz e contará con tres categorías distintas, en función das características das persoas ou grupos inscritos. Coa axuda dun mapa, deberán visitar unha serie de puntos de control.

A inscrición débese facer online na web www.xestanatureza.com/inscricions/marin2021 ata o xoves 1 de xullo ás 22.00 horas.

A carreira desenvolverase con 3 categorías diferentes: Xestiñas (iniciación para nenas e nenos, que se son menores de 9 anos deberán ir acompañados dun adulto); Xestas (para adultos ou nenas e nenos con maior dificultade física e técnica); e Xesteiras (categoría só pensada para persoas con altos coñecementos en orientación).

A proba dará comezo ás 22.00 horas en Briz e para cumprir os protocolos de seguridade fronte á COVID-19 previamente facilitarase toda a información a calquera persoa que o desexe.

Dende o Concello de Marín avanzan que as saídas serán graduais por categorías de entre 2 e 5 minutos por grupo, respectarase a distancia social, será obrigatorio o uso da máscara antes e despois da actividade, uso de xeles hidroalcólicos, non impresión de tempos en papel e avituallamentos líquidos individuais e hixienizados.