A fonte luminosa de Ponte Caldelas pasa ao 'lado escuro'

Ponte Caldelas
02 de xuño 2019

Ponte Caldelas acolleu este sábado unha nova noite de Música Acuática, con protagonismo para a banda sonora da popular Guerra das Galaxias

Noite de Música Acuática en Ponte Caldelas adicada á Guerra das Galaxias
Noite de Música Acuática en Ponte Caldelas adicada á Guerra das Galaxias / Concello de Ponte Caldelas

A fonte luminosa ou bailarina de Ponte Caldelas, instalada recentemente na Praza de España, protagonizou esta fin de semana unha nova noite de Música Acuática.

O protagonismo nesta ocasión recaeu na banda sonora da Guerra das Galaxias, coa interpretación da Marcha Imperial ou o tema de Darth Vader.

A coñecida banda sonora composta polo oscarizado John Williams centrou a atención, pero non foi a única parada dun repertorio que incluíu tamén a Marcha dos Toureiros, da ópera Carmen, de Georges Bizet, e Oh Fortuna!, da suite Carmina Burana, de Carl Orff.

Entre os asistentes ao espectáculo non faltaron algúns mozos vestidos de Darth Vader para poñer o particular 'lado escuro' á noite.