A Formación Profesional agarda superar o récord do ano pasado, de case 61.000 matriculados en Galicia

O Salnés
12 de setembro 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou este martes o Centro Integrado de FP Fontecarmoa, en Vilagarcía de Arousa, onde destacou a aposta da Xunta pola Formación Profesional

Visita do conselleiro o Centro Integrado de FP Fontecarmoa
Visita do conselleiro o Centro Integrado de FP Fontecarmoa / Xunta de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou este martes o Centro Integrado de FP Fontecarmoa, en Vilagarcía de Arousa, onde destacou a aposta da Xunta pola Formación Profesional. 

"Este ano xa demos pasos moi significativos coa maior oferta da historia, de 42.174 prazas en primeiro curso, e cando remate toda a tramitación de matrícula agardamos superar o récord do ano pasado, de case 61.000 matriculados na FP", afirmou o conselleiro.

Román Rodríguez recordou que nos últimos anos se crearon "sete centros especializados de FP", entre eles este de Fontecarmoa e o Montecelo de Pontevedra, "unha senda pola que seguiremos avanzando coa conversión en centro integrado da Escola de Cantería de Poio". 

Así mesmo, destacou a posta en marcha do Centro Galego da Innovación da FP en Ourense, e o "salto de calidade" que supuxo nestes últimos anos a posta en marcha dos másteres que "para este curso incrementamos a oferta dos másteres nun 55%, superando as 1.000 prazas, e abrimos a súa oferta a calquer titulado de FP e as graduados universitarios", declarou.

Ademais, destacou que os centros de FP galegos contan este curso cun total de 85 aulas de emprendemento e 42 espazos de tecnoloxía aplicada e 31 viveiros de empresas en centros FP.

LICITACIÓN DA AMPLIACIÓN PARA FINAIS DE ANO

No marco da súa visita ao CIFP Fontecarmoa, o conselleiro anunciou que a Xunta está ultimando ampliación deste centro. O proxecto está actualmente en supervisión, e a previsión é licitar as obras cara finais de 2023. Entre as actuacións a realizar, a obra contempla a expansión do edificio e a ampliación da nave de talleres, así como a substitución da cuberta, entre outras.