A FP Dual amplía a súa oferta en Pontevedra co ciclo de Estética Integral e Benestar no Frei Martín Sarmiento

Pontevedra
28 de xuño 2022

O prazo de solicitude de praza para este ciclo superior permanecerá aberto ata o 5 de xullo e a titulación, de dous cursos de duración, combina a formación teórica na aula con prácticas remuneradas en empresas

O IES Frei Martín Sarmiento estréase na Formación Profesional Dual co ciclo superior de Estética Integral e Benestar
O IES Frei Martín Sarmiento estréase na Formación Profesional Dual co ciclo superior de Estética Integral e Benestar / IES Frei Martín Sarmiento

Un terceiro instituto de Pontevedra súmase á oferta de ciclos de Formación Profesional na modalidade dual. Unha alternativa que cada vez ten máis tirón entre os mozos e que consiste en combinar a formación teórica nas aulas coas prácticas remuneradas en empresas.

Ata o de agora esta opción só ofrecíana o Carlos Oroza e o Luís Seoane nalgunha das súas titulacións, pero a partir do próximo curso farao tamén o IES Frei Martín Sarmiento co Ciclo Superior de Estética Integral e Benestar. 

O prazo de solicitude de praza para o próximo curso permanecerá aberto ata o 5 de xullo. O ciclo constará de dous cursos e ofrece a oportunidade de alternar a formación no centro educativo de setembro a marzo coa formación práctica remunerada desde o primeiro ano nunha empresa colaboradora desde marzo a agosto, cos seus respectivos días de vacacións, un salario mensual dos 500 euros e de alta na Seguridade Social.

Trátase dun novo formato educativo que non deixa de crecer en toda Galicia e que incrementa de forma notable a empregabilidade dos titulados.

No caso do FP Dual de Estética Integral e Benestar, as empresas que colaboran co IES Frei Martín Sarmiento son: Hotel A Quinta da Auga, Hotel Gran Hotel Nagari, Augusta Spa Sanxenxo, Gran Talaso hotel Sanxenxo, Hotel Spa Atlántico, Hotel Spa Norat y Hotel Talaso Louxo.

Toda a información relacionada con este tipo de ciclos superiores pode consultarse na sección de FP da Consellería de Educación.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora