A Fundación Alexandre Bóveda impulsa a creación dunha comisión sobre a Memoria Histórica no Parlamento galego

Pontevedra
20 de xaneiro 2015

Nestes días representantes da Fundación Alexandre Bóveda reuníronse cos cinco grupos parlamentarios galegos para impulsar a creación dunha Comisión de estudo sobre a Memoria Histórica no territorio galego

Monumento en homenaxe a Alexandre Bóveda na Caeira
Monumento en homenaxe a Alexandre Bóveda na Caeira / Mónica Patxot

Durante os últimos días, os representantes da Fundación Alexandre Bóveda, con sede en Pontevedra, reuníronse cos cinco grupos parlamentarios galegos para impulsar a creación dunha comisión de estudo sobre a Memoria Histórica no territorio galego.

O secretario da Fundación, Valentín García Bóveda, destacou en cada reunión a necesidade de que a sociedade interactúe cos grupos parlamentarios para chegar a consensos e políticas coordinadas que contribúan a poñer en valor a historia máis recente de Galicia. O obxectivo é garantir que non se repitan acontecementos similares e destacar a importancia da muller, que foi dobremente vítima e transmisora da memoria ás futuras xeracións.

Os representantes da Fundación intercambiaron ideas e propostas con Ana Pontón, deputada do BNG; Carmen Iglesias e Chelo Martínez, do Grupo Mixto; Francisco Caamaño, deputado de PSdG-PSOE; Xavier Ron, do Grupo de AGE, e cos deputado Paula Prado e Agustín Baamonde do PPdG, logrando que todos os grupos parlamentarios mostrasen a súa vontade de constituír a comisión de estudo.

A Fundación Alexandre Bóveda rexistrará nas próximas semanas a iniciativa que marque o punto de partida para que o Parlamento constitúa formalmente a comisión de estudo, que entre outros, ten como reto analizar ás políticas de memoria histórica no marco dos dereitos humanos.