Persoal da Fundación Amigos de Galicia (FAG) entregaba este luns un computador con conexión a internet no CPR Inmaculada Concepcion de Marín para unha familia do municipio que ten unha menor ao seu cargo e atópase nunha situación económica complicada.
A doazón forma parte do proxecto 'Dixitalízate con Nós', da FAG, dentro das actividades previstas para apoiar á infancia e cubrir as súas necesidades básicas, que se dificultaron nos últimos meses. Desta forma tentan dotar de material informático e acceso a internet a escolares para superar o apagamento tecnolóxico no que se atopan numerosas familias en Galicia.
Neste mes 92 familias con menores presentaron solicitudes á Fundación para reclamar axudas. A intención da organización é cubrir o material informático e a conexión para un centenar de menores galegos cuxas familias se atopan en risco de exclusión. A entidade prima aqueles casos con maiores dificultades #ante o importante número de demandas.
Neste caso de Marín, segundo o colectivo solidario, o centro escolar foi fundamental para detectar esta situación de necesidade. A FAG mantense en contacto cos centros escolares galegos para comprobar se existen este tipo de situacións co obxectivo de paliar as carencias en material dixital.