A Fundación Meniños atendeu o pasado ano na cidade 82 menores en situación de risco

Pontevedra
03 de abril 2016

A Fundación Meniños xestiona o programa municipal que se encarga de atender a familias, nenos e adolescentes en situación de risco ou con problemas de conduta. Os datos corresponden á súa memoria anual de 2015

IES Valle Inclán de Pontevedra
IES Valle Inclán de Pontevedra / Mónica Patxot

A Fundación Meniños, encargada de xestionar o programa de atención familiar do Concello de Pontevedra a través do servizo de Benestar Social, atendeu durante 2015 a 82 menores en risco.

Son datos da memoria anual da fundación, que traballa polos dereitos da infancia e a adolescencia en dificultade social.

Dos 82 menores, 53 eran nenos e 29 nenas dun total de 52 familias.

Meniños atende a nenos en situación de risco ou desamparo cun equipo profesional especializado na intervención familiar, co obxectivo de axudar ás familias a cambiar os malos hábitos.

O programa canta cun orzamento anual de 90.000 euros por un periodo de catro anos, e nel colaboran distintos integrantes da comunidade, desde profesores a persoal sanitario, entidades sociais e entidades públicas.