A futura residencia da Fundación Amancio Ortega, xa perimetrada, estará lista en 18 meses

Pontevedra
17 de decembro 2022

A conselleira de Política Social explicou que "xa comezaron os traballos no propio terreo" na Eiriña e que que desde o Goberno galego "estimamos que se empezo a levantar da forma máis rápida posible" con ese horizonte aproximado de que en 18 meses estea "finalizada". A Fundación investirá 12 millóns de euros 

Un dos Centros de Atención Integral a Persoas Maiores proxectado pola Fundación
Un dos Centros de Atención Integral a Persoas Maiores proxectado pola Fundación / Fundación Amancio Ortega

A futura residencia pública para maiores promovida pola Fundación Amancio Ortega no barrio da Eiriña de Pontevedra estará finalizada "nun prazo aproximado de 18 meses". 

Así o asegurou este venres a conselleira de Política Social, Fabiola García, durante unha visita á residencia de maiores de Campolongo, na que estivo acompañada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda. 

A responsable autonómica explicou que "nestes momentos, comezou todo o peche perimetral" da futura construción e "xa comezaron os traballos no propio terreo"

Segundo explicou, este proxecto comezou "un pouco máis tarde" que as residencias desta Fundación en Lugo e A Coruña, que "xa están moi avanzadas", pero vai tamén a bo ritmo. 

Fabiola García deu a coñecer que desde o Goberno galego "estimamos que se empezo a levantar da forma máis rápida posible" con ese horizonte aproximado de que en 18 meses estea "finalizada". 

A Fundación Amancio Ortega destinará 12 millóns de euros á construción desta residencia, investimento que asumirá de maneira íntegra cos seus propios fondos, grazas a un convenio de colaboración asinado coa Xunta de Galicia.

A parcela na que se levantará este centro, situada na unidade 18, ten preto de 5.000 metros cadrados. O edificio non ocupará todo o terreo, xa que a súa planta baixa terá 3.247 metros cadrados, polo que quedarán case 2.000 de zonas libres.

A superficie total construída será de 9.285 metros cadrados, segundo consta no proxecto, que se distribúen en tres volumes lonxitudinais que se proxectan en paralelo coa Rúa das Leitugas.

A planta baixa será para servizos comúns, a primeira será ocupada por área residencial e de enfermería mentres que a segunda e terceira serían, en exclusiva, para actividade residencial.  As entradas serán por Paxariñal e polo Doce de Novembro para acceder á área de enfermería. Haberá zona verde e un soportal na planta baixa para que os residentes teñan un espazo.

A residencia contempla 120 prazas para persoas usuarias, repartidas en 42 cuartos dobres e 36 individuais e estará atendida por uns 115 traballadores.