A gala deste domingo mobilizará a solidariedade galega con La Palma

Umia
29 de outubro 2021

Veciños de La Palma animados polo seu párroco e a alcaldesa de Los Llanos de Aridane gravan varias mensaxes de agradecemento e ánimo á organización da "Gala Campo Lameiro Solidario Axuda a La Palma"

Concerto de Galifunk Brass na Praza da Ferrería
Concerto de Galifunk Brass na Praza da Ferrería / Diego Torrado

O Concello de Campo Lameiro está a mobilizar a solidariedade galega coa afectados do volcán de Cumbre Vieja ante a celebración, o vindeiro domingo 31 de outubro, da Gala benéfica "Campo Lameiro Solidario Axuda a La Palma" para recadar fondos para os damnificados.

O público asistente terá que abonar 10 euros de entrada para contemplar todo o espectáculo.

A alcaldesa de Los Llanos de Aridane, María Noelia García Leal , e veciños de varios lugares de La Palma, animados polo párroco de Todoque, Alberto Hernández, están gravando e enviando pequenos vídeos para esta iniciativa solidaria que reunirá a dez agrupacións musicais, tres cantantes, dous humoristas, dúas charangas, unha coral e unha banda de música. 

A xornada benéfica comezará as 12:30 horas nas inmediacións da Casa Consistorial cunha misa cantada pola Coral Polifónica de Campo Lameiro e oficiada polo cura párroco Fermín Santiago para, a continuación, iniciarse o evento cunha sesión vermú a cargo da Banda de Música Unión Cultural. 

No recinto instalarase unha pulpeira e un bar a cargo da organización para que aquelas persoas que queiran xantar no entorno e seguir por completo as evolucións do festival benéfico poidan comer a prezos populares e manter a presenza en todo momento do público. 

Actuarán Astarot, A Roda, A Oca Band, Galifunk Brass, A Banda da Balbina, La Banda de Leste, La Mafia, Bétula Péndula, Charanga OT+Solfamidas, Os Encerellados, Manoele de Felisa, Pili Pampín, Lito da Panorama, Mikela Abbatini e os humoristas Isi e Pepo Suevos. A presentación correrá a cargo dos xornalistas da televisión Carmen Chao e Quique Morales.