A Garda Civil detén un veciño do Vao que tiña causas pendentes por roubos

Poio
22 de maio 2020

Ingresou no centro penitenciario da Lama para cumprir varias condenas pendentes por distintos delitos de roubo con violencia e roubo con forza

A Garda Civil detén un veciño do Vao reclamado por varios xulgados
A Garda Civil detén un veciño do Vao reclamado por varios xulgados

A Garda Civil detivo o pasado mércores un veciño do poboado do Vao de Abaixo, con seis requisitorias pendentes de varios xulgados de Pontevedra.

Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, os feitos sucederon cando a patrulla de seguridade cidadá da Compañía da Garda Civil de Pontevedra detectou a saída dun vehículo da zona do Vao no que supostamente viaxaba este veciño do poboado, que tiña numerosos antecedentes e reclamacións xudiciais en vigor.

O vehículo foi interceptado momentos despois no centro urbano de Pontevedra, onde se puido comprobar que se trababa da mesma persoa que tiña seis reclamacións xudiciais pendentes, polo que se procedeu á súa inmediata detención.

Trátase dun home, de 25 anos, veciño do Vao, que tiña tres ordes xudiciais de procura, detención e ingreso en prisión: unha do ano 2017, ditada polo xulgado do penal número 1 de Pontevedra por un delito de roubo con forza e as outras dúas do ano 2019, do xulgado do penal número 3 de Pontevedra, por senllos delitos de roubo con violencia e intimidación.

A estas requisitorias súmanse outras tres reclamacións xudiciais, neste caso baixo o concepto de procura, detención e comparecencia, todas elas, ditadas o ano 2019 polo xulgado do penal número 3 de Pontevedra, por outros tantos delitos de roubo con forza nas cousas.

Unha vez instruídas as pertinentes dilixencias, o detido ingresou no cárcere da Lama para cumprir as condenas que tiña pendentes.

Entre os labores habituais da Garda Civil figuran os de manter e restablecer a orde pública, previr e evitar a comisión de delitos e deter a delincuentes e persoas  requisitoriadas, é dicir aos "procesados rebeldes" sobre os que se ditara unha orde xudicial de procura, localización e detención, xa sexa para ser presentados diante da autoridade que os reclama ou para que ingresen en prisión.