A Garda Civil intercepta na peaxe da AP-9 a un portugués con dúas mil doses de cocaína

Vilaboa
22 de xaneiro 2020

Os feitos sucederon este martes no transcurso dun punto de verificación de vehículos establecido por efectivos da patrulla de seguridade cidadá da Garda Civil de Pontevedra na autoestrada AP-9, á altura da peaxe de Vilaboa

Os axentes sorprenderon un condutor con estupefacientes nun control de estrada
Os axentes sorprenderon un condutor con estupefacientes nun control de estrada / Guardia Civil

A Garda Civil detivo a un cidadán de nacionalidade portuguesa, acusado dun presunto delito contra a saúde pública ao ser sorprendido con estupefacientes nun control de estrada.

Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, os feitos sucederon este martes no transcurso dun punto de verificación de vehículos establecido por efectivos da patrulla de seguridade cidadá da Garda Civil de Pontevedra na autoestrada AP-9, á altura da peaxe de Vilaboa.

A actitude sospeitosa do condutor dun dos vehículos interceptados no dispositivo propiciou que os integrantes do control realizasen unha minuciosa inspección do turismo, que circulaba sentido Vigo.  No rexistro do vehículo e do condutor os axentes atoparon escondidos varios envoltorios que contiñan algo máis de 2.000 dose de cocaína.

Procedeuse á detención do condutor e único ocupante do vehículo, como suposto autor dun delito contra a seguridade pública, por tráfico de drogas. Trátase dun cidadán de 32 anos, veciño da localidade portuguesa de Braga.

O detido, xunto coa droga incautada e as dilixencias instruídas pasará durante a mañá de hoxe ao dispor do Xulgado de Instrución de garda de Cangas.