A Garda Civil intercepta na praia de Beluso un furtivo con 15 quilos de sepias

Bueu
25 de febreiro 2020

Trátase dun veciño de Bueu, de 49 anos que foi denunciado como presunto autor de senllas infraccións á Lei de Pesca de Galicia: unha delas por utilizar unha embarcación indocumentada e a outra por dedicarse a este tipo de actividade extractiva sen autorización.

Obxectos confiscados ao furtivo
Obxectos confiscados ao furtivo / Guardia Civil

A Garda Civil interceptou un veciño de Bueu con 15 quilos de sepias que foran extraídos ilegalmente na ría de Pontevedra.

Os feitos producíronse á primeira hora da noite do pasado domingo na praia de Beluso, no municipio de Bueu, cando un grupo de pescadores sorprendeu un individuo, a bordo dunha pequena embarcación, que estaba a levantar os aparellos de pesca que non lle pertencían, apropiándose ilegalmente da pesca.

Unha alerta recibida no Centro Operativo Complexo (Teléfono 062) da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra activa a reacción dunha patrulla de seguridade cidadá do Posto de Moaña e da patrulleira do Servizo Marítimo con base en Marín.

Cando chegaron as dúas dotacións á praia atoparon unha pequena embarcación que carecía de folio, nome e documentación, que fora abandonada ao pairo preto do areal e nunha zona de pedras.

Momentos despois, a patrulla de seguridade cidadá localiza nas escaleiras de acceso á praia á persoa vinculada coa embarcación. Tiña roupa de faena, estaba totalmente mollado e carecía do correspondente despacho administrativo para dedicarse á actividade pesqueira que estaba a realizar.

Trátase dun veciño de Bueu, de 49 anos, ao que se lle interviñeron varios utensilios de pesca, entre eles: un remo de aluminio, unha mochila que contiña un pantalón de augas e dous capachos de plástico, un deles contiña 15 quilos de sepias recentemente capturadas.

O presunto furtivo foi trasladado ao porto de Bueu onde foi identificado e denunciado como presunto autor de senllas infraccións á Lei de Pesca de Galicia: unha delas por utilizar unha embarcación indocumentada e a outra por dedicarse a este tipo de actividade extractiva sen autorización.