A Garda Civil investiga unha explosión nun edificio de Ribadumia

O Salnés
14 de outubro 2021

Os bombeiros informaron que ao chegar ao lugar comprobaron que estaba danada a parte exterior da porta de entrada pero dentro da vivenda non había ninguén nin tampouco detectaron fugas de gas

Patrulla da Garda Civil
Patrulla da Garda Civil / Mónica Patxot

A Garda Civil investiga unha explosión rexistrada pouco antes das once da mañá deste xoves nun edificio de Ribadumia.

Segundo informaron desde o Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia, un particular alertou dunha explosión no segundo piso dun edificio do Calexón Loureiro e sinalou que se percibía un forte cheiro a gas.

Inmediatamente foron mobilizadas as urxencias médicas, a Garda Civil, os Bombeiros do Salnés e a compañía de gas. 

Os bombeiros informaron que ao chegar ao lugar comprobaron que estaba danada a parte exterior da porta de entrada pero dentro da vivenda non había ninguén nin tampouco detectaron fugas de gas.

A Garda Civil investiga se se utilizou algún tipo de artefacto explosivo.