A glorieta da Brea comezará a construírse despois de Reis

Marín
03 de xaneiro 2019

A empresa COVSA, adxudicataria desta obra, comezará despois de Reis cos traballos de construción da glorieta da Brea, unha actuación que se enmarca na mellora da seguridade viaria na intersección entre a EP-1201 Marín-Penizas e a EP-1202 Seixo-Santo Tomé de Piñeiro

Lugar onde se construirá a glorieta da Brea
Lugar onde se construirá a glorieta da Brea / Deputación de Pontevedra

A empresa COVSA, adxudicataria desta obra, comezará despois de Reis cos traballos de construción da glorieta da Brea, unha actuación que se enmarca na mellora da seguridade viaria na intersección entre a EP-1201 Marín-Penizas e a EP-1202 Seixo-Santo Tomé de Piñeiro.

As obras, que teñen un prazo de execución de seis meses, permitirán unha nova reodenación do tráfico e da mobilidade peonil na zona.

Esta actuación no Concello de Marín foi unha das primeiras que solicitou a alcaldesa á Deputación. A aprobación do proxecto da nova glorieta, segundo Uxío Benítez, demorouse máis do inicialmente previsto, xa que a proposta inicial era dun maior tamaño.

Para a obra foi necesaria facer a expropiación de tres fincas, por valor de 28.916,09 euros.

O obxectivo da nova glorieta, lembrou Benítez, é aumentar a seguridade viaria na confluencia das dúas estradas provinciais nunha zona de conexión coa variante de Marín na que se xunta tanto o tráfico que vai tanto ao núcleo de Marín e á zona de Seixo como ás praias do concello, e que se incrementa na temporada estival de xeito importante.

O orzamento total, incluíndo a obra e os terreos, ascende a 122.833,49 euros.