A glorieta elevada de Mollabao estrea iluminación led e máis seguridade viaria

Pontevedra
04 de agosto 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade deu a coñecer este martes o remate das obras de renovación e instalación de nova iluminación, unha actuación adxudicada á empresa Aopil, S.L. por un importe de máis de 43.000 euros

Iluminación led da glorieta elevada de Mollavao
Iluminación led da glorieta elevada de Mollavao / Xunta de Galicia

A glorieta elevada de Mollabao, no inicio da variante de Marín en Pontevedra, estreou nos últimos días nova iluminación led que reforza seguridade viaria no enlace de conexión coa estrada PO-11.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade deu a coñecer este martes o remate das obras de renovación e instalación de nova iluminación, unha actuación adxudicada á empresa Aopil, S.L. por un importe de máis de 43.000 euros.

Os traballos consistiron na mellora do sistema de iluminación do enlace de conexión entre a variante de Marín e a estrada PO-11, no seu punto quilométrico 0, de cara a reforzar a seguridade viaria no contorno.

A empresa acometeu a rehabilitación e a posta a punto das tres torres existentes, renovándose os proxectores con tecnoloxía led. Isto permitirá unha rebaixa moi significativa da potencia e do consumo, mellorando o rendemento enerxético e incrementándose a visibilidade grazas ás melloras tecnolóxicas en eficiencia enerxética aplicadas.

Ademais, mellorouse o cadro eléctrico existente e repúxose o cableado das torres de iluminación.