Cinco barrios celebraron a anterior fin de semana unha xornada de xogos tradicionais coa participación de 40 familias, entre as que se atopaban 61 menores de 12 anos, que gozaron desa sesión festiva.
Agora, os gañadores daquela xornada terán que superar a gran final que se desenvolverá durante este sábado 26, entre as 11.00 e as 13.00 horas na praza de España. Esta final dos Xogos Efecto PO2 estaba prevista para o domingo pero as condicións meteorolóxicas adversas obrigaron a trasladala a este sábado.
Nesta ocasión, os participantes terán que enfrontarse a novas disciplinas lúdicas como a recollida de mazarocas, os esquís familiares, o xogo da corda ou a argola no tallo. Cada un dos equipos participantes representará ao barrio no que competiu durante a xornada anterior: Monte Porreiro, O Burgo, Pontevedra Leste, O Gorgullón e Campolongo.
Esta iniciativa forma parte das actividades programadas pola concellería de Promoción da Cidade, que dirixe Anabel Gulías, e busca que a cidadanía ocupe os espazos públicos a través de iniciativas participativas e lúdicas, destinadas ao público familiar coa intención de que relacionen distintas xeracións.