A gran onda expansiva do baile deportivo e das danzas urbanas chega a Marín co Campionato de España de Hip Hop

Marín
30 de xuño 2023

A creación da Federación Galega de Baile Deportivo que xa conta con 595 licenzas federativas (467 mulleres e 128 homes)

Presentación do Campionato de España de Hip Hop Xunta de Galicia

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou este xoves na presentación do Campionato de España de Hip Hop que se desenvolverá en Marín nesta fin de semana.

Lete Lasa enumerou os últimos fitos que a Xunta de Galicia protagonizou no baile deportivo como a creación da Liga Xunta de Galicia de Break, que xa vai pola terceira edición; o recoñecemento do breaking como especialidade deportiva; ou a creación da Federación Galega de Baile Deportivo que xa conta con 595 licenzas federativas (467 mulleres e 128 homes).

Lete Lasa destacou a importancia deste campionato que levará a Marín a uns 400 bailaríns e apuntou a Galicia como unha terra experimentada na organización deste tipo de eventos como demostra o Campionato de España de Baile Deportivo disputado en Pontevedra no mes de marzo.

A pesar da capitalidade do break dance, que será olímpico en París 2024, o mandatario galego destacou outras danzas urbanas de gran importancia como o hip hop que están a vivir unha revitalización da man do crecemento dos deportes urbanos como o skate, o BMX ou o Basket 3x3, tamén olímpicos en Toquío, e que en Gaiicia contan cunha gran sona grazas a eventos como o Marisquiño ou o Rompetiño.

A Competición terá lugar no Pavillón A Raña e as formacións nas instalacións do Colexio San Narciso.