A Guía Repsol recoñece a 'O Muíño' como unha das mellores tabernas de Galicia

Umia
09 de xullo 2021

A Guía Repsol acaba de outorgar o distintivo de 'Solete' á taberna 'O Muíño' de Caldas de Reis, acreditándoa como un dos mellores bares e tascas de toda Galicia

Taberna 'O Muíño'
Taberna 'O Muíño' / Concello de Caldas de Reis

A Guía Repsol acaba de outorgar o distintivo de 'Solete' á taberna 'O Muíño' de Caldas de Reis, acreditándoa como un dos mellores bares e tascas de toda Galicia.

Esta nova categoría de premios acaba de ser creada pola Guía Repsol para recoñecer a aqueles chiringuitos, heladarías, tascas, tabernas e restaurantes de menú do día con encanto especial, tanto pola súa comida como polas súas características, o seu entorno ou calquera outra cuestión que os faga especiais.

"Caben todos sempre que sexan honestos e o fagan ben", explica a Guía Repsol na súa web, que recolle os soletes outorgados nesta primeira edición a 17 locais na Coruña, 17 en Pontevedra, 16 en Lugo e 10 en Ourense.

En canto a 'O Muíño', atópase á beira do río Umia e conta cunha acolledora terraza e cun interior con decoración tradicional. É coñecido polas súas racións e por ser unha alternativa de picoteo, ademáis de ofrecer múltiples versións de pan galego.

Con motivo desta distinción, o alcalde, Juan Manuel Rey, deu as grazas "ao traballo e o esforzo a prol da singularidade deste establecemento, conseguindo que o noso municipio se sitúe novamente no mapa dos lugares máis fermosos, agradables e hospitalarios".

Pola súa banda, o responsable da taberna, José Luis Goldar, amosou a súa satisfacción por este recoñecemento que lle chegou de sorpresa e que recibiu de maneira moi grata e indicou que o éxito débese ás "moitas horas de dedicación, na busca dos mellores produtos e sobre todo unha atención e trato ao cliente moi próxima".