A hepatite autoinmune, unha enfermidade rara con "incidencia alta" na área sanitaria pontevedresa

Pontevedra
16 de xaneiro 2023

O servizo de aparello dixestivo de Pontevedra acaba de participar nun estudo sobre hepatite autoinmune publicado na prestixiosa revista científica internacional Hepatology. A doutora Indhira Pérez Medrano é a terceira asinante deste estudo que esclarece a mellor abordaxe ante o brote inicial desta hepatite

Indhira Pérez Medrano, hepatóloga do servizo de Dixestivo Sergas

A hepatite autoinmune, clasificada dentro do grupo das enfermidades raras, ten unha "incidencia alta" na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, na que hai rexistrados 80 pacientes en seguimento.

Así o deu a coñecer este luns o Sergas, que explica que desde hai anos o servizo de aparello dixestivo en Pontevedra colabora con centros de toda España no rexistro e busca activa de hepatite autoinmune e colanxite biliar primaria, doenzas hepáticas crónicas de orixe autoinmune cuxa causa non é aínda clara.

Dentro deste traballo en hepatite autoinmune, o servizo de aparello dixestivo acaba de participar nun estudo sobre hepatite autoinmune publicado na prestixiosa revista científica internacional Hepatology.

A doutora Indhira Pérez Medrano, hepatóloga do Servizo de Dixestivo do Complexo pontevedrés asociada ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, é a terceira asinante deste estudo que esclarece a mellor abordaxe ante o brote inicial desta hepatite.

A publicación deste estudo supón un novo paso para mellorar o tratamento das persoas afectadas por esta enfermidade, para a que non se coñece cura.

A hepatite autoinmune é unha patoloxía que cursa con brotes que son controlados habitualmente mediante corticoides e tratamento inmunosupresor. Ata o de agora, as guías oficiais europeas recomendaban a budesonida coma alternativa en primeira liña á prednisona, sendo este último medicamento o máis utilizado tradicionalmente.

A publicación deste estudo amosa que, mentres que o tratamento tradicional presenta máis efectos secundarios, a súa alternativa é menos eficaz pero máis segura, unha información de alto valor para poder indicar o tratamento máis adecuado segundo o perfil do paciente.

A doutora Indhira Pérez Medrano explica que a través da revisión sistemática de casos na área sanitaria tratados cun e outro corticoide, "agora temos mellores datos para establecer o perfil clínico idóneo para esta liña de tratamento".

Esta conclusión chega tras unha exhaustiva revisión de casos clínicos de dous anos na que o Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés foi un dos principais achegando datos de pacientes.