A "herencia recibida" atasca o desembarco de Froiz en Barro-Meis

Barro
25 de abril 2016

Nada se moveu aínda, desde que foi presentado en decembro de 2014 o proxecto dun gran centro loxístico do Grupo Froiz no polígono de Barro-Meis. Que pasou durante todo este tempo?

Sinatura das novas viveiristas de Barro Meis
Sinatura das novas viveiristas de Barro Meis / PontevedraViva

Nada se moveu aínda, desde que foi presentado en decembro de 2014, o proxecto dun gran centro loxístico do Grupo Froiz no polígono de Barro-Meis.

Lembremos, que segundo se anunciou, con este investimento Froiz aumentará o seu persoal máis dun 20% xa que está previsto que unhas 500 persoas traballen neste centro operativo que tamén albergará un establecemento comercial e un centro loxístico para a súa frota de camións.

Que pasou durante todo este tempo? Segundo explicou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o proxecto de Froiz "está en marcha xa, moi pronto asinaremos tamén o convenio con esa empresa".

O problema foi, segundo Carmela Silva, que "como todo o que herdamos", o actual goberno provincial despois de asumir o relevo do equipo presidido por Rafael Louzán "atopámonos con serias dificultades" porque o anterior goberno "tiña o malo costume, o irregular costume, o ilegal costume de non pedir os informes preceptivos a outras administracións".

Así no caso de Froiz, segundo afirmou a presidenta, cando quixeron dar licenzas en Barro Meis non se puideron dar "porque faltan os informes preceptivos e todo iso témolo que arranxar".

MULLERES EMPRENDEDORAS

Pola súa banda, a presidenta da Deputación asinou este luns con "enorme satisfacción" o contrato de tres novos viveiristas no polígono de Barro-Meis.

Ademais da promoción da actividade económica que este acto supón, Carmela Silva destacou que estas tres oficinas van estar rexentadas por mulleres, subliñando a "importancia de que as mulleres ocupemos un ámbito tan importante da economía".

Tamén puxo en valor que a actividade á que se dedican estas novas empresas está centrada no mundo rural, polo que a alegría da presidenta, segundo dixo, era aínda maior.