A historia oculta de Mourente ve a luz en 'Mourente nos anos do medo'

Pontevedra
07 de decembro 2016

O libro do historiador Xosé Álvarez Castro presentarase este venres día 9 decembro ás 20.00 horas nos locais da Sociedade Cultural e Deportiva de Mourente, nun acto organizado polas dúas entidades da parroquia coa colaboración do Concello de Pontevedra

Xosé Álvarez Castro, historiador
Xosé Álvarez Castro, historiador / Mónica Patxot

O historiador Xosé Álvarez Castro acaba de dar un paso importante para poñer pouco de luz á historia máis oculta da parroquia de Mourente, a que quedou silenciada co Golpe do Estado de 1936 e as catro décadas de Dictadura posteriores. Acaba de publicar Mourente nos anos do medo.

O libro presentarase este venres 9 decembro ás 20.00 horas nos locais da Sociedade Cultural e Deportiva de Mourente, nun acto organizado polas dúas entidades da parroquia coa colaboración do Concello de Pontevedra.

Mourente, xunto coas parroquias de Lérez e Salcedo, foi das que máis sufriron a represión brutal e sanguinaria dos militares golpistas e dos cómplices que os apoiaron. Esa páxina importante e oculta da historia é a que dá a coñecer este libro a través das súas 128 páxinas, obra de Álvarez Castro e editado pola Comunidade de Montes de Mourente ante o descoñecemento das novas xeracións e como homenaxe ás familias represaliadas.    

Sobre a importancia desta obra, desde a Comunidade de Montes destacan que figuras importantes do mundo político, sindical ou agrario ligadas a Mourente como Portela Valladares, Heraclio Botana ou José Araújo sufriron persecución, cárcere, exilio e mesmo a morte polas súas ideas e o seu compromiso social. Sosteñen que foron a punta do íceberg dunha onda de represión que invadiu a parroquia e que provocou uns efectos dolorosos e negativos que perduran inda hoxe. 

O mestre e historiador Xosé Álvarez Castro é natural de Mourente, onde naceu en 1953 e nos últimos meses dedicou os seus esforzos a recompilar material sobre a intensa actividade política, sindical, social e cultural da súa parroquia natal durante a II República e a represión desatada tras o golpe militar.

Álvarez Castro leva anos dedicado á investigación histórica sobre a represión en Pontevedra e en 2013 publicou Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939), editado por Edicións Xerais de Galicia e que xa vai pola segunda edición. Sobre o tema da represión provocada polo golpe militar que acabou coa II República mantén o blog Pontevedra nos anos do medo, imparte conferencias por toda Galicia e ten intervido en varios congresos.