A horta escolar e o invernadoiro do colexio Riomaior resisten ás restricións sanitarias

Vilaboa
03 de marzo 2021

Entre as moitas iniciativas que se desenvolven neste centro escolar destaca o compromiso da comunidade educativa co medio ambiente a través dun programa que tamén inclúe o concepto de economía circular

Horta e invernadoiro do colexio de Riomaior
Horta e invernadoiro do colexio de Riomaior

As restricións pola Covid-19 non poden coa horta escolar do CEIP Plurilingüe de Riomaior e o seu proxecto de reciclaxe. Entre as moitas iniciativas que se desenvolven neste centro escolar destaca o compromiso da comunidade educativa co medio ambiente a través dun programa que tamén inclúe o concepto de economía circular.

O alumnado participa activamente na elaboración de compost aproveitando os restos do comedor escolar, xestionado pola ANPA, que logo se reutiliza no horto escolar e no invernadoiro, onde de prantan e cultivan produtos de tempada atendidos polos máis pequenos. A dirección do centro destaca as vantaxes que ten para o alumnado ese contacto directo co medio natural na situación sanitaria actual.

O proxecto inclúe tamén a elaboración de artigos de artesanía partindo de material de refugallo e logo os alumnos comercializan a través dunha cooperativa creada tamén no centro escolar para financiar a inmersión lingüística dos alumnos de sexto de Primaria en Dublín.

O estricto cumprimento do protocolo Covid-19 tampouco impediu que o CEIP Riomaior continuase coa colaboración en proxectos como o PLAMBE, Proxecta, Atrévete, Revitalízate o School to School, en colaboración coa Fundación Vicente Ferrer, na India ou a conexión coa plataforma e-twining conectada con países europeos como Turquía, Italia ou Polonia.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora