A hostalería da Boa Vila recibiu 1.500 achegas da Xunta por valor de 3,5 millóns de euros

Pontevedra
05 de xuño 2021

En toda Galicia, as axudas da Xunta destinadas a bares, cafeterías e restauración achegáronse aos 87 millóns de euros, case a metade dos 182 millóns de fondos propios que o Goberno galego puxo a dispor de autónomos, microempresas e actividades afectadas polos peches sanitarios durante a pandemia

Cadeiras e mesas dunha terraza de Sanxenxo recollidas polo peche
Cadeiras e mesas dunha terraza de Sanxenxo recollidas polo peche / Mónica Patxot

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, vén de inxectar máis de 3,5 millóns de euros para o sector da hostalaría na cidade de Pontevedra, xa que foron aprobadas case 1.500 axudas.

A cifra elévase ata os 6,5 millóns nas comarcas de Pontevedra e Caldas a través da aprobación de 2.842 axudas directas correspondentes cos dous primeiros plans de rescate.

A segunda convocatoria, que acaba de quedar resolta, permitiu que as achegas deran cobertura ao 94% dos establecementos de hostalaría da provincia de Pontevedra –coa aprobación de 13.385 axudas por importe de case 30 millóns de euros- e lles outorgaran liquidez ao ser un dos sectores máis afectados pola pandemia e polas necesarias medidas sanitarias de contención da covid-19.

En toda Galicia outorgáronse máis de 37.000 axudas directas en ambos os dous plans de rescate, co que chegaron a case a nove de cada dez bares, restaurantes, cafeterías e outros establecementos de alimentación e bebidas radicados na Comunidade. Todos estes apoios supuxeron ata o de agora un desembolso de 86,6 millóns de euros das arcas autonómicas. 

Cos dous primeiros plans de rescate a Xunta mobilizou un total de 182 millóns de euros co obxecto de aportar liquidez a estes negocios e contribuír á permanencia do emprego e da viabilidade. Máis da metade dese diñeiro foi parar ao sector hostaleiro.

3º PLAN APROBADO

O Consello do Goberno galego, pola súa banda, vén de aprobar o 3º plan que, no seu caso, nutrirase de fondos do Estado, dos que 234,4 millóns de euros corresponderán á Comunidade, o 3,3% dos 7.000 millóns que se repartiron en toda España. 

Galicia priorizará que as axudas cheguen ás persoas traballadoras autónomas e microempresas, que supoñen o 97% do tecido produtivo galego. Para elas resérvanse 200 dos 234 millóns de orzamento, o 85% do plan.

En consenso do Diálogo Social e coa Mesa do Emprego Autónomo, a Xunta vén de deseñar un 3º plan que prevé axudas de entre 3.000 e 30.000 euros para persoas traballadoras autónomas, microempresas, pemes e empresas, establecidas en función da baixada de facturación padecida a causa da covid-19 e o número de persoas empregadas ao cargo.

Co obxectivo de garantir a maior axilidade posible, o Goberno galego aplicará o mesmo criterio que no primeiro e segundo plans de rescate e concederá o anticipo do 100% dos importes coa mera presentación dunha declaración responsable.