A hostalería de Pontevedra activa o roteiro da Festa das Cunchas

Pontevedra
18 de xuño 2021

Os 46 establecementos participantes na Festa das Cunchas comezaron este venres a servir as pratos que forman parte do I Roteiro de Petiscos, nun evento gastronómico que se prolongará ata o 30 de xuño

Inauguración do I Roteiro de Petiscos dentro da Festa das Cunchas
Inauguración do I Roteiro de Petiscos dentro da Festa das Cunchas / Concello de Pontevedra

Os 46 establecementos participantes na Festa das Cunchas comezaron este venres a servir as pratos que forman parte do I Roteiro de Petiscos.

Ata tres negocios hostaleiros da cidade achegouse unha representación do Concello de Pontevedra. O tenente de alcalde, Tino Fernández, e a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, inauguraban deste xeito un evento gastronómico que se prolongará ata o 30 de xuño.

Na compaña dos tamén concelleiros socialistas Iván Puentes e Marcos Rey, fixeron unha primeira parada no Café Bar Lelé II, na rúa Padre Fernando Olmedo, onde degustaron unha deliciosa vieira á prancha salteada con salsa ao allo sobre base de pan de Cea con tomate natural untado e xamón serrano de porco criado con castañas.

Na rúa Virxe do Camiño, no restaurante Hangar 218, probaron uns mexillóns fritos con pataca e pemento.

Nas inmediacións da praza de España, en La Cata, puideron apreciar outra receita de mexillón, neste caso en pataca.

Yoya Blanco anima a pontevedreses e visitante a desfrutar das especialidades que se servirán ao longo de 12 días e que están preparadas cos oito mariscos que protagonizan a Festa das Cunchas: ostrón, mexillón, zamburiña, vieira, navalla, ameixa, berberecho e escupiña.

Os establecementos e petiscos foron recollidos en 5.000 folletos informativos, algúns deles editados en braille pola Once, e que están dispoñibles na oficina de Turismo de Pontevedra. Os clientes poderán ir selando este folleto e os 150 primeiros que poidan amosar que probaron polo menos un petisco de cada un dos oito mariscos obterán un premio directo.

Os galardóns anunciaranse a través das redes sociais de Pontevedra Capital Gastro e recolleranse na oficina de Turismo, na entrada da Casa Consistorial na praza de España.

XORNADAS GASTRONÓMICAS 

Esta fin de semana, dentro da programación da Festa das Cunchas, comezarán as Xornadas Gastronómicas, nas que os locais participantes ofrecen un menú pechado baseado nos oito mariscos de cuncha.

Como nota distintiva, para animar a festa, os locais de hostalería lucirán unha ambientación decorativa con motivos mariñeiros que poderá ser votada nas redes sociais de Pontevedra Capital Gastro.